Saturday 04 de May de 2024

O cinema de Abbas Kiarostami protagoniza o inicio do ano na filmoteca de Galicia


— A sede coruñesa da cinemateca da Xunta ofrece unha ampla retrospectiva do realizador iraniano, que arranca este mes de xaneiro coa proxección de 14 das curtas e longametraxes que filmou entre 1970 e 1980

— A sala José Sellier acollerá tamén o inicio dun ciclo dedicado ao portugués Paulo Rocha, ademais de continuar cos especiais conmemorativos dos centenarios da actriz María Casares e do cineasta experimental Jonas Mekas, entre outros programas

A Filmoteca de Galicia arranca mañá as proxeccións da súa carteleira de xaneiro, coa que iniciará dúas retrospectivas dedicadas ao director iraniano Abbas Kiarostami e ao portugués Paulo Rocha, ademais de continuar co ciclo Filmes falados e cos seus especiais conmemorativos dos centenarios da actriz María Casares e do cineasta experimental Jonas Mekas.

Kiarostami, un dos realizadores máis relevantes e influentes do seu tempo, protagoniza o arranque da nova programación na sede coruñesa da cinemateca da Xunta, que ofrecerá hasta abril un completo percorrido cronolóxico pola súa obra. Así, durante este mes proxectaranse 14 das curtas e longametraxes da súa primeira etapa, que vai de 1970 a 1980, agrupadas en catro programas.

O ciclo dá comezo esta mesma semana con Pan y callejuela, La hora del recreo e La experiencia, que poderán verse o mércores ás 20,30 h. e o xoves ás 18,00 h. Ademais, na sesión do sábado 14 ás 18,00 h. inclúese El viajero, a súa primeira longa, que se pasará tamén o martes 17 a mesma hora. Durante este período, Abbas Kiarostami traballaba para a sección cinematográfica de Kannon, o centro iraniano para o desenvolvemento intelectual de nenos e adolescentes, de xeito que as súas primeiras fitas teñen un marcado carácter pedagóxico, ao tempo que lle servirán para ir depurando o seu estilo.

Xa en febreiro, a viaxe pola filmografía deste gran cineasta achegaralle ao público as súas películas dos anos 80 e primeiros 90, como a Triloxía de Koker, que suporán a súa consagración en Occidente, e durante os meses de marzo e abril abordarase a súa etapa máis coñecida, durante a que gaña a Palma de Ouro en Cannes por El sabor de las cerezas e experimenta con outras prácticas artísticas próximas ao vídeo arte e ás instalacións museísticas.

Paulo Rocha será obxecto doutro dos ciclos cinematográfico que botarán a andar durante o mes de xaneiro na Sala José Sellier, neste caso en colaboración coa distribuidora galega Atalante Cinema, que acaba de recuperar para o público español cinco das longametraxes deste director, considerado o pai do Novo Cinema Portugués.

Presentación polo director da Cinemateca Portuguesa

A retrospectiva recolle tamén o resto das súas longas e algunhas das súas curtametraxes, en copias recentemente restauradas pola Cinemateca Portuguesa, cuxo director, José Manuel Costa, estará na Coruña o martes 24 para o arranque do ciclo coa proxección de Os verdes anos.

Ao tempo que pon en marcha estes novos programas, a Filmoteca de Galicia avanza nos especiais que vén desenvolvendo nos últimos meses. É o caso de Filmes falados, que está a ofrecer un panorama de fitas recentes e clásicos restaurados edificados a partir da palabra. Baixo este apartado, mañá mesmo proxéctase un dos títulos que figura na meirande parte das listaxes das mellores estreas de 2021: ¿Qué vemos cuando miramos al cielo?, de Alexandre Koberidze, película xeorxiana presentada na pasada edición da Berlinale e que fabula coa posibilidade de que a Arxentina de Messi gañe o Mundial de fútbol, como finalmente aconteceu.

Gravacións televisivas de María Casares

Pola súa banda, o ciclo dedicado a María Casares encara a súa recta final con dúas sesións singulares, que reúnen traballos emitidos por televisión e que se atopan entre os máis descoñecidos da actriz coruñesa. O xoves 19 exhibirase L’Affaire Lafarge, un thriller xudicial de 1954, xunto cunha curiosidade rescatada dos arquivos da televisión francesa na que se pode ver a Casares recitando en francés poemas de Federico García Lorca.

Ademais, o xoves 26 a Sala José Sellier ofrécelle ao público a oportunidade de gozar do traballo de María Casares como gran actriz de teatro en Hamlet Prince de Danemark, espectáculo dirixido por Claude Barma e gravado ao vivo pola televisión do país galo durante a súa posta en escena no festival de Carcassonne en 1960.